Tamaño
é tan grande esta miña
pequena e humilde lingua
que nunca chegarei
a pronunciala enteira.
Anatomía da Lingua é un proxecto artístico de Antón Cortizas no que o amor do autor polo idioma, a través do verso, conduce, como un xogo entretido e provocador, á reivindicación dunha lingua con personalidade e vontade propia. O libro recolle 31 poemas en galego ilustrados por Leandro Lamas e un deseño coidadísimo de Diego Núñez.
No seu interior, o emprego de papel reciclado branco achega ao proxecto un aspecto formal e proporciona unha alta calidade na reprodución das ilustracións, contrastando coas súas gardas en dúas tonalidades de cor crema con lapelas que se poden usar de marcapáxinas.